Santiago homenaxea os peregrinos cunha proba na que participan atletas de nivel internacional

 

A proba "Os 10.000 peregrinos da Deputación da Coruña" presentouse onte na praza do Obradoiro, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín e o padriño da carreira, Juan Carlos Higuero.


O evento deportivo, que terá lugar o domingo pola tarde, constará de varias probas: unha carreira 10 e 5 quilómetros, homologada pola Real Federación Española de Atletismo; unha de dous quilómetros en ruta; e unha andaina de 5q uilómetros en ruta.


A distancia estrela será a carreira de 10 quilómetros, que contará coa participación de grandes atletas españois de carácter internacional como Adrián Ben, Tariku Novales, Daniel Arce, Fernando Carrol, Irene Sánchez-Escribano, Cristina Ruíz e Esther Navarrete.


O alcalde de Santiago quixo agradecer "á Deputación da Coruña, á Federación Galega de Atletismo e a todos os que fan posible esta proba o seu labor para sacar este evento adiante, que serve para fomentar o deporte en Santiago de Compostela ao mesmo tempo que se fai unha homenaxe aos peregrinos".