Remata a primeira fase de rehabilitación do betanceiro parque do Pasatempo



O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral, supervisaron o final das obras da I Fase da rehabilitación do parque enciclopédico do Pasatempo, en concreto, os case 700 metros cadrados da zona do estanque do Retiro, seriamente danada tras un derrubamento, no que o ente provincial e o Concello investiron 525.000 euros.

Tanto Formoso como Barral coincidiron en reclamar á Xunta que asuma as súas competencias na conservación do patrimonio e que se implique na recuperación deste singular espazo "para o que non puxo ata o de agora nin un só céntimo de euro".

Valentín González Formoso reivindicou o éxito das políticas de rehabilitación do patrimonio histórico por parte da Deputación en toda a provincia. "Durante estes anos traballamos en decenas de casos de rehabilitación como o caso do Mosteiro de Caaveiro, o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo, e noutros innumerables elementos patrimoniais esquecidos por outras administracións".