Récord de visitas ao Museo de Pontevedra

 

Museo de Pontevedra vén de conseguir unha nova cifra histórica: durante esta Semana Santa sumáronse  5.413 visitas aos diferentes edificios e actividades da institución, o que supón o mellor dato nestas vacacións durante a última década e a consolidación da recuperación da afluencia anterior á pandemia.

Os datos  analizados polo departamento de Educación e Públicos da institución reflexan unha absoluta volta á normalidade. Dos 19.82 visitas de 2013, pasouse a 3.480 en 2014; 1.509 en 2015; 756 persoas en 2016; 3.934 persoas en 2017; 3.873 persoas en 2018; 5.227 persoas en 2019 (o segundo mellor dato); ningunha en 2020 polo peche COVID; 1.338 en 2021 e 4.190 en 2022 para superar outra vez amplamente a barreira dos cinco millares neste exercicio.

A nivel dos Edificios do Museo, as Ruínas de San Domingos foron as máis visitadas, con 4.109  persoas, unha cifra tamén moi superior á máis alta dos últimos sete anos -que foi en 2019 con 3.348 persoas- . Entraron nos edificios Sarmiento e Castelao un total de 1.279 persoas, unha cifra tamén extraordinaria. Os días de maior afluencia foron o sábado 8 con m1.658 visitas, seguido do martes con 935 persoas e o venres santo con 844.

En canto á procedencia das visitas individuais (aquelas persoas que entran no Museo fóra de grupos programados), o 93% é de ámbito estatal, chegando ao 79%  as e os visitantes de dentro de Galicia –unha cifra que aumenta considerablemente fronte ao ano pasado, 899 fronte a 615 persoas) , seguidas de Madrid, País Vasco e Castela e León. As persoas estranxeiras chegaron principalmente de Portugal (27%), México (12%) ou Guatemala (9%), ademais de dende Reino Unido, Alemaña, Arxentina ou Estados Unidos, pero tamén de lugares tan afastados como Ecuador, Senegal, Dubai ou Corea.