Quince bandas confirmadas para a "mellor edición" do Esmorga Fest, os días 19 e 20 de maio en Sarria

 

O Esmorga Fest ultima o cartel para a vindeira edición do festival, que se celebrará os días 19 e 20 de maio en Sarria co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A banda británica Bdrmm, que destaca nas listas de éxito do Reino Unido e acumula reseñas en publicacións internacionais de referencia, e a sueca Last Days of April son os nomes internacionais do cartel, que se presenta como "o mellor da historia do festival".

Charnego, Grande Amore, Pálida, Cora Novoa, Lagoon, La Plata, VVV  [TrippinYou], The Parrots, Ghouljaboy, Los Punsetes, Yawners, John Axiom e o artista local Castro, fundador de Disco As Palmeras que emprende proxecto en solitario, figuran tamén no cartel, co que a organización mantén a premisa que inspirou a creación do festival. “Buscamos grupos emerxentes, que poidan sorprender ao público,  máis que reunir ao top ten do xénero”, explican Juan Padín, Josito Castro e Diego García.

O deputado Efrén Castro valorou “o traballo da organización , que se sobrepuxo  a incertidume do inicio,  e que coa nova edición mantén Sarria no mapa dos festivais máis destacados de Galicia e do resto do Estado” e destacou “a importancia de soster e reforzar este tipo de eventos para a proxección cultural e turística de Sarria”.