Proxectos por valor de dous millóns de euros intensifican o atractivo turístico de Ferrol

 

O Concello de Ferrol continúa apostando por mellorar o atractivo turístico da cidade a través da posta en marcha de diferentes iniciativas. Neste senso, a Administración local presentou hai mes e medio varios proxectos turísticos á convocatoria do Programa Extraordinario de Planes de Sustentabilidade Turística en Destinos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, para os que solicitou unha subvención de dous millóns de euros. 


Tal e como explicou esta mañá a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Eva Martínez Montero, o Concello vén de coñecer que o comité que avalía os proxectos propostos a esta convocatoria aprobou os de Ferrol, que ascenden a dous millóns de euros. A edil indicou que nas próximas datas o Concello recibirá a resolución definitiva da concesión.