Os arquitectos "pérdense" no convento de Santa Clara

                                     

Continúan os traballos de campo para a rehabilitación do convento de Santa Clara, en Pontevedra. Representantes dos cinco estudos que aspiran  a facer as obras (Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela) xa visitaran de maneira conxunta a principio do mes pasado as instalacións do convento nunha sesión na que recibiron unha charla explicativa por parte do director do Museo e puideron percorrer en grupo as instalacións.

A maiores diso están a solicitar e a realizar inspeccións particulares e individualizadas para poder ‘perderse’ todo o tempo que precisan coas súas equipas de técnicas especializadas e analizar ao milímetro todos os aspectos que consideran importantes co fin de propoñer unha idea orixinal e propia, diferenciada da competencia.

Nas últimas semanas, de feito, o Museo viuse na obriga de realizar un calendario de visitas organizado para que cada un dos estudos puidera ter a liberdade precisa para pesquisar sobre o terreo, captando información específica e valorando posibilidades de levar ideas á practica ‘in situ’. Nesta semana realizáronse varios ‘recoñecementos’ e para a seguinte tamén están axendados outros varios.

O principal reto que deben afrontar os estudos finalistas para a rehabilitación de Santa Clara é como intervir nun edificio de importante valor histórico para transformalo nun Museo dotado das instalacións e espazos que require unha instalación museística contemporánea, amosando o seu carácter relixioso, pero dende os ollos do século XXI.