O Museo de Pontevedra consigue tres millóns de euros de subvención para rehabilitar tres dos seus edificios
O Museo de Pontevedra vén de conseguir unha subvención de tres millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos –PIREP- no marco dos fondos do Next Generation para realizar as obras de consolidación, restauración e interconexión mediante o subsolo dos seus edificios centrais situados na Praza da Leña. Trátase da primeira inxección de fondos externos que consegue o Museo para iniciar unha obra “moi necesaria para o futuro da institución”, segundo destaca o vicepresidente César Mosquera.
O proxecto para a rehabilitación do Museo foi un dos 181 seleccionados de entre os 1020 presentadas e acadou unha puntuación de 51,75 puntos. Outros 799 expedientes de solicitude non foron aprobados e outros 140 nin sequera pasaron á fase de valoración por incumprimento dos requirimentos ou desestimento das administracións solicitantes.
A petición económica da Deputación no contexto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) fixérase en xuño de 2022. Calculárase sobre un custe total elixible da obra (sen impostos) de 3,8 millóns de euros e un orzamento total (tamén sen impostos) de 6,5 millóns de euros.