O Goberno municipal acorda a participación da Coruña na convocatoria de axudas para o fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas
O Goberno da Coruña acordou, en Xunta de Goberno, a participación do Concello na convocatoria de axudas para o fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas, unha iniciativa emitida o pasado 10 de marzo pola Secretaría de Estado de Comercio.
Os gastos subvencionables asociados a esta liña de axudas abranguen, por exemplo, os asociados a investimentos en espazos públicos, a dixitalización do sector comercial e o reforzo do sector en materia de sostibilidade e economía circular.
Neste sentido, o Concello formará parte da convocatoria a través do proxecto 'A Coruña: cidade comercial, cidade turística, cidade accesible', que inclúe preto dunha decena de iniciativas centradas na reurbanización de espazos públicos en contornas comerciais e o reforzo da dixitalización do tecido comercial coruñés, apoiando a pemes e autónomos. O abano de propostas estima un investimento de 1,6 millóns de euros, dos que serían subvencionables un 80 %, co importe restante a cargo das arcas municipais.
Entre as propostas destaca a creación dun centro loxístico intelixente, unha app -tipo marketplace- destinada ao comercio local e diversas actuacións de restauración de elementos e firmes tradicionais catalogados no centro histórico.