Tres escavadoras e catro dumpers encargaranse de repor, dende o luns, o perfil das praias da Carabuxeira e Lavapanos. Os traballos realizaranse coas mareas máis baixas ao longo da semana e de forma simultánea en ambos os areais. A actuación que será sufragada desde Nauta Sanxenxo terá un custo de 43.469 euros e será realizada pola empresa Marcor Xove.
A partir do luns e ata o venres, prohibirase o acceso a ambos os areais por motivos de seguridade xa que se traballará con maquinaria pesada. A empresa calcula que se poderán devolver á parte seca da praia ao redor de 4.000 metros cúbicos de area. Trátase da segunda actuación de reposición de area que se acomete en ambos os areais, despois de que o pasado xuño de 2022, xusto un ano despois da reapertura, se acometese a primeira delas. Cabe lembrar que estas actuacións están previstas ata que se poida desenvolver o proxecto definitivo para recuperar os dous areais, que inclúe a achega de 17.000 m3 de árido e a construción dun dique de contención de area formado por un núcleo de formigón forrado de granito.