Máis de 2.650 persoas fixeron esta Semana Santa as rutas fluviais da Deputación pola Ribeira Sacra

Máis de 2.650 persoas fixeron esta Semana Santa as rutas fluviais que a Deputación de Lugo ofrece para descubrir a Ribeira Sacra. Dende o 1 de abril ata o domingo día 9 os viaxeiros aproveitaron o bo tempo para navegar tanto pola ruta que discorre polo río Miño como polo río Sil. 

Esta cifra supera a doutras temporadas nestes mesmos días festivos. As embarcacións viaxaron completas en case todas as viaxes, con familias e grupos que xa reservaran con anterioridade. 

O perfil predominante do visitante foi nacional, sobre todo procedente de Asturias, País Vasco e Madrid, sendo tamén relevante a afluencia de persoas doutros puntos da provincia de Lugo e do resto de Galicia. Outro dato importante é que para a maioría dos viaxeiros foi a primeira vez que vivía esta experiencia turística.

Unha das novidades foi a inclusión das rutas da Deputación en itinerarios programados por axencias de viaxes.