Lugo destaca o proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente como “un novo instrumento eficaz fronte ao reto demográfico”

 

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou no lugar de Montefurado, en Ribeira de Piquín, xunto ao Alcalde desta localidade e tamén Deputado provincial de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, na presentación do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, que está financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O obxectivo é a creación de ecosistemas de innovación para a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía.

Pablo Rivera destacou este proxecto como “un novo un instrumento, eficaz e innovador, fronte ao reto demográfico aproveitando os recursos do rural”, que, “como sempre defendemos na Deputación, non está baleiro, senón cheo de ideas, iniciativas e oportunidades, que necesitan do apoio e as políticas públicas axeitadas para que salgan adiante”.

Neste sentido, o deputado explicou que a institución provincial está centrada “en dúas cuestións fundamentais, como son dotar e mellorar os servizos públicos e apoiar ao tecido produtivo” para contribuír a fixar poboación. Dentro da súa estratexia fronte ao reto demográfico, avanzou, a Deputación celebrará o vindeiro xoves 20 de abril unha xornada “para abordar as estratexia que se están a desenvolver, e recabar opinións e ideas que nos axuden a seguir avanzando na loita contra o despoboamento”.