Importante representación galega na feira Gourmets



Galicia luce produtos de calidade na trixésimo sexta edición da feira Gourmets que se está a celebrar en IFEMA, en Madrid. Ademais das empresas que asisten con stand propio hai que engadir o posto da Consellería do Medio Rural, formado por dúas illas que albergan un total de 29 empresas agroalimentarias. Nunha desas illas hai 20 coexpositores do sector alimentario en xeral e, na outra illa, nove adegas e coexpositores doutras bebidas espirituosas.Ademais, neste posto tamén hai espazo para unha aula de experiencias de calidade, onde se realizan diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustacións de produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade, en colaboración co persoal dos consellos reguladores que participan na feira.

Pola súa banda, a Consellería do Mar acode a esta feira cun posto de 490 metros cadrados de superficie no que acolle a 23 empresas coexpositoras da cadea mar-industria. Ademais, neste espazo desenvolverá distintas actividades como degustacións a través da iniciativa Galicia comparte mesa –chefs e comensais interactuarán durante toda a sesión– e experiencias de realidade virtual para coñecer a vida mariñeira e pesqueira da Comunidade grazas á acción GALICIA SABE A MAR 360º.

No eido agroalimentario desenvolveranse deica o mércores numerosas actividade baixo a organización da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Así, as indicacións xeográficas protexidas de vacún de Galicia son as protagonistas das clases maxistrais, nas que participan diversos chefs galegos. Tamén haberá catas tanto de viños galegos premiados nas últimas Catas de Galicia como doutros indicativos de calidade como os licores e augardentes tradicionais da nosa comunidade, ademais doutros produtos como queixos das diferentes denominacións de orixe protexidas ou propostas coas indicacións xeográficas protexidas de Mel, Castaña ou Pataca de Galicia, entre outras.