De maceira en maceira polos camiños da Estrada


A Deputación de Pontevedra promove unha nova edición das rutas das maceiras en flor, “que un ano máis volven aos lagares da provincia para que poidamos gozar da floración das maceiras con todos os sentidos: o visual, o aromático e o gustativo”, salientou a presidenta da institución provincial, Carmla Silva, na presentación da iniciativa..

As visitas terán lugar os días 29 e 30 de abril e 1 de maio en catro lagares singulares da comarca de Tabeirós-Terra de Montes: Sidrería Camino, Peroja, Rabiosa e Lagar de Ribela.

Na presentación, a presidenta estivo acompañada de Miguel Soto (técnico coordinador da actividade), Nicolás Andión (de Sidrería Camino) e Jesús Arenteiros (de Lagar de Ribela).

A Deputación oferta na ruta das maceiras en flor 40 prazas por quenda, cunha participación total de 160 persoas. En todas elas as rutas comezarán visitando a plantación de maceiras de Callobre e a Finca A Sobreira. No punto de partida, ademais, poderán observar a sobreira de Valiñas, un exemplar de máis de 300 anos, de máis de 22 metros de altura e considerado un dos máis importantes da especie en toda Galicia. Ao finalizar a visita ás plantacións, as persoas participantes desprazaranse ata un dos 4 lagares participantes para facer unha degustación dos seus produtos.

O sábado 29 de abril celebraranse dúas quendas: pola mañá ao Lagar de Ribela (na aldea que leva o seu nome) e pola tarde á Sidrería Camino (en Moreira). O domingo 30 de abril realizarase a visita ao lagar Rabiosa (en Pardemarín) e, finalmente, o luns 1 de maio ao lagar Peroja (na aldea de Agar), ambas as dúas en horario de mañá.

As prazas para asistir á actividade xa se poden reservar a través dun formulario habilitado na web de Turismo Rías Baixas.