Chega a guía do Románico de Sarria, Os Ancares e O Courel na igrexa de Barbadelo

 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este martes na igrexa de Santiago de Barbadelo, en Sarria, a Guía do Románico de Sarria, Os Ancares e O Courel. O acto reuniu neste Monumento Nacional desde o ano 1976, a veciños e veciñas, representantes municipais, e colectivos sociais e culturais destas comarcas interesados en coñecer a publicación, que fai un percorrido por 59 monumentos románicos de 11 concellos. “Este é un marco inmellorable para presentar o terceiro volume do proxecto editorial co que dende a Deputación estamos poñendo en valor o patrimonio románico da nosa provincia”, subliñou José Tomé. 

A nova guía do románico sae á luz seguindo as liñas editoriais das súas antecesoras, dedicadas á Ribeira Sacra e á Ulloa, explicou o Presidente, “uns obxectivos que nos marcamos para o conxunto do proxecto: rigor, amenidade e utilidade”. Un valioso documento, engadiu, que queremos “estea nas mans de todo tipo de usuarios, que as lean amantes do turismo cultural, do medio ambiente, ou tamén os peregrinos que fan o Camiño de Santiago para que, por exemplo, aproveiten o seu paso por Sarria para coñecer mellor algún destes monumentos”.