Catro novas rutas en Pontevedra para dar un empurrón turístico ás maceiras en flor

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou a nova edición das rutas das maceiras en flor, “que un ano máis volven aos lagares da provincia para que poidamos gozar da floración das maceiras con todos os sentidos: o visual, o aromático e o gustativo”. As visitas terán lugar os días 29 e 30 de abril e 1 de maio en catro lagares singulares da comarca de Tabeirós-Terra de Montes: Sidrería Camino, Peroja, Rabiosa e Lagar de Ribela. Na presentación, a presidenta estivo acompañada de Miguel Soto (técnico coordinador da actividade), Nicolás Andión (de Sidrería Camino) e Jesús Arenteiros (de Lagar de Ribela).

Carmela Silva agradeceu os lagares e cooperativas por “apostar por este produto noso, por darlle valor engadido e por poñelo en valor desde o punto de vista turístico”, e asegurou que “están facendo un traballo moi salientable, con maceiras autóctonas e coa produción de sidra ecolóxica” que converten A Estrada en líder do noroeste peninsular en mazá ecolóxica.