Augardente resucitadora para o Domingo de Pascua en Portomarín


Portomarín resucita aos visitantes o Domingo de Pascua cun grolo do destilado gallego por excelencia, co gallo da Festa da Augardente, que este ano se celebra o día 9 de abril na súa quincuaxésimo primeira edición.

É unha cita clásica desta localidade, fito do Camiño Francés nas ribeiras do Miño, a carón do encoro de Belsar do que tamén “resucitou” este anegado pobo, e premiado este ano en Fitur como “Pueblo Mágico de España” na categoría de Turismo Rural.

A xornada comeza co tradicional prendido das alquitaras, para facer un simulacro de destilación, pois na actualidade están prohibidas por lei as cañas feitas nas tradicionais alquitaras. O augardente que se degusta nesta xornada procede da destilería local A Vella Alquitara.

A destilación de augardente era unha actividade arraigada en Portomarín pois, segundo apunta o alcalde, Pablo Rivas, “esa tradición vén de antigo debido a que esta é unha zona vinícola pertencente á Ribeira Sacra e ao ser os nosos viños de baixagradación dan lugar a uns bagazos de boa calidade”.

O augardente compleméntase nesta xornada coa degustación doutro dos produtos de referencia desta localidade: a anguía, guisada, fritida, en empanada… bocado de excelencia. Di o rexedor municipal, do mesmo xeito que sostiña o seu antecesor, Juan Serrano, que “as mellores anguías do mundo son as do río Miño e en especial as de Portomarín”.

Clásicos na programación desta cita festiva e festeira son a carreira popular e o nomeamento de novos cabaleiros e damas da Serenísima Orde da Alquitara, ademais de catas e desgustación de queimada, entre outros.