A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron onte o convenio de colaboración para executar a primeira fase do mercado de abastos de Sanxenxo. A actuación inclúe o soterramento do tráfico dun tramo da Rúa de Madrid cun aparcadoiro con 32 estacionamentos e unha gran praza. O goberno galego financiará as intervencións achegando 1 millón de euros e o Concello licitará, executará os traballos e achegará o investimento restante, algo máis de 1,3 millóns. Os arquitectos redactores do proxecto, Tony Bosch e Daniel Masana, acudiron desde Barcelona á firma para explicar a fase do proxecto. "Trátase de xerar un espazo e amplialo para o peón, pero sen perder a funcionalidade rodada que se necesita e de funcionamento ordinario neste punto", sinalou.
O Concello convocou un concurso de ideas para a execución dunha intervención integral na que se inclúe o novo edificio do mercado e dependencias municipais. A proposta gañadora, ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade. A intervención reduce o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e prima a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo.