As rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra xa contan con máis de 12.000 reservas

 

As rutas en catamarán pola Ribeira Sacra contan con excelentes previsións para este ano. Para estas datas existen xa 1.500 reservas e máis de 12.000 ata finais de ano.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi o encargado de recibir no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, aos pasaxeiros e pasaxeiras que realizaron este sábado a primeira viaxe deste ano 2023 das rutas fluviais en catamarán que a institución provincial ofrece pola Ribeira Sacra.  

Estas cifras ao inicio dos percorridos ratifican “o éxito” que ten este servizo turístico, “incluso durante a pandemia. Con restricións de capacidade e coa obriga de levar mascarilla, chegamos a 40.000 pasaxeiros no ano 2021 e a 50.000 o pasado ano 2022”, subliñou o Presidente, quen explicou que as rutas fluviais pola Ribeira Sacra “son unha parte central da ampla oferta de actividades da Deputación, coa que tratamos de favorecer na nosa provincia un turismo sostible e de calidade, que pon en valor a enorme riqueza medioambiental, cultural e etnográfica do noso territorio, e que crea riqueza e emprego”.