Adxudicada a restauración da capela da Nosa Señora da Lanzada, en Sanxenxo

 

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a empresa Parteluz Estudio a restauración da capela da Nosa Señora de Lanzada, no concello de Sanxenxo, por 110.000€ segundo se publica no portal de contratación. Trátase dunha actuación cuxo obxectivo é garantir a conservación deste ben incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e evitar un posible deterioro irreversible ou a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar.

Para conseguilo, o proxecto que se porá en marcha nas vindeiras semanas cun prazo de execución aproximado de 5 meses inclúe traballos de limpeza e consolidación na superficie pétrea. En concreto, tal e como se reflicte nos pregos, consistirán na eliminación de plantas superiores, na preconsolidación de placas de pedra e limpeza mecánica da superficie, na eliminación dos morteiros deteriorados e de cemento, na desalación e no selado de gretas e fendas, entre outras tarefas. Ademais asentaranse as sopenas e a cruz da fachada principal, á que tamén se lle devolverá a verticalidade.