Actividades ecoturísticas para vivir o Miño transfronteirizo


A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Cooperación Transfronteiriza, vén de organizar unha nova edición das actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ para dar a coñecer e impulsar o territorio transfronteirizo do Miño como destino de natureza.

Entre as propostas de balde para o público haberá unha andaina popular, rutas de sendeirismo, balsismo, caiac, visitas culturais, degustacións de viño e observación de estrelas que se desenvolverán entre o vindeiro domingo 30 de abril e o 4 de xuño a cargo da empresa Xeitura. As inscricións nas actividades –60 prazas- abriranse os luns anterior á celebración e cubriranse por estrita orde de chegada na web depo.gal.

A intención da programación é novamente, segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, atraer visitantes ao territorio do río Miño para amosarlles todos os seus atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica dentro dun destino situado estratexicamente e compartido por dous países. Haberá actividades en Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, Melgaço, Salvaterra, Arbo, Monçao, A Guarda, Oia e Caminha.