A Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol organiza tres accións formativas destinadas a profesionais do sector

 

A Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, entidade integrada polo Concello de Ferrol e a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, organiza para a última semana de abril e a segunda semana de maio tres formacións gratuítas dirixidas ao sector empresarial e aos profesionais dos sectores do turismo, a cultura, o comercio e o lecer do municipio.


Estas formacións organízanse atendendo a unha demanda dos empresarios de Ferrol participantes na Mesa de Calidade Turística do proxecto SICTED en 2022, proxecto que se desenvolve en Ferrol coa colaboración da Deputación provincial da Coruña, dentro do seu programa de subvencións á Mellora da Calidade Turística dos Destinos.

 

En concreto, trátase de dous cursos curtos, de 9 horas de duración cada un, e dunha charla/conferencia titulada “Técnicas infalibles para atraer (e reter) clientes ao teu negocio”, que pechará o programa formativo a tarde do próximo día 11 de maio.