A Festa da Filloa de Muimenta consolida o apoio da Deputación de Lugo

 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, renovou o compromiso da institución provincial coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta para a celebración da Festa da Filloa. O vindeiro luns, 1 de maio, o Recinto Feiral Manuel Vila López acollerá a 32 edición desta cita gastronómica, que anualmente atrae a un gran volume de público ao municipio chairego.

José Tomé recoñeceu que esta Festa de Interese Turístico Galego “é xa unha cita obrigada para un gran número de veciños e veciñas da provincia, que veñen a degustar un prato emblemático do nosa gastronomía”. “Facer unha boa filloa é todo un arte e por iso quero animar a toda a veciñanza da provincia, pero tamén de Galicia e de comunidades veciñas a rematar a ponte do primeiro de maio saboreando este prato”, asegurou o mandatario provincial.