A Deputación colaborará co proxecto termal do grupo OCA en Allariz, incluíndo o futuro balneario no programa de Termalismo Social


O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou o hotel Vila de Allariz, onde o grupo OCA vai desenvolver un proxecto termal para transformar as actuais instalacións nun balneario, iniciativa que está pendente do recoñecemento mineromedicinal das augas que afloran nos terreos deste complexo hoteleiro e que conta coa colaboración e respaldo do goberno provincial.

Manuel Baltar estivo acompañado polo director do hotel, Maike Pazos, a deputada de Benestar e Reto Demográfico, Luz Doporto, e José Juan Cerdeira, director de Benestar -a área da Deputación que xestiona o programa de Termalismo Social-.

O presidente da Deputación manifestou en Allariz o seu compromiso á hora de impulsar "a cooperación público-privada co que sería o oitavo balneario da provincia, unha vez obteña as autorizacións administrativas correspondentes.


No momento en que o hotel poda administrar tratamentos e técnicas termais "darémoslle a benvida a un novo balneario que no ano 2024 integrarase no programa de Termalismo Social da Deputación", adiantou Manuel Baltar, o que permitirá "seguir incrementando o atractivo turístico e termal da provincia de Ourense".


Nesta liña, o director do hotel explicou o interese dos responsables do grupo OCA por incorporarse ao programa a través da modalidade de estancias máis desprazamento en tren, dado que a estación Ourense-Empalme sitúase a pouco máis de 15 minutos de Allariz e das oportunidades que brinda o AVE. Cómpre lembrar que o novo convenio entre a Deputación e Renfe para Termalismo Social inclúe este ano as conexións directas de alta velocidade co Mediterráneo.