A Deputación augura un verán turístico "histórico" na provincia de Pontevedra

 

“Foi unha Semana Santa histórica que augura que imos ter un verán tamén histórico”. Deste xeito cualificou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, os datos de ocupación turística na provincia que, segundo subliñou, “superan na maioría dos casos os do 2022 e son similares e incluso mellores que os datos prepandemia”. Deste xeito, foi unha semana “espléndida” en canto a número de visitantes, cunha ocupación media na provincia superior ao 75,2% entre o xoves 6 de abril e o domingo 9, e próxima ao 70% durante toda a semana, datos que son 13 puntos superiores aos acadados neste período no pasado ano. O dato é aínda maior nos establecementos hoteleiros de superior categoría da provincia, cun rexistro medio do 70,4% durante toda a Semana Santa e ata o 86% nos festivos. Carmela Silva tamén destacou as cifras do turismo rural (que acadou un 70% entre o xoves e o domingo) e as vivendas turísticas (85% neses catro días), así como a afluencia récord nestas datas de visitantes aos Castelos de Soutomaior e Sobroso, cun total de 4.281 persoas.

“No anterior verán superáronse os datos prepandemia na maioría das comarcas e neste creo que imos superar estes resultados con bastante folgura –avanzou a presidenta de cara aos vindeiros meses-. “Amosan que a xente quere vir pasar as súas vacacións a este destino e que amais estamos conseguindo algo moi relevante, que é que non so haxa un turismo de costa, senón tamén de interior. Un turismo que busca gastronomía, cultura, ocio ou paisaxe, xunto a reclamos como poden ser os camiños xacobeos e outros atractivos”.