O Concello de Ferrol continúa sumando apoios á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial ‘Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración’, un proxecto de cidade no que se pretende involucrar aos axentes sociais, culturais e económicos e á cidadanía en xeral. O respaldo á candidatura a través da páxina web deseñada polo Concello de Ferrol https://ferrolpatrimoniomundial.gal/ ascende xa a preto de 7.120 adhesións. As persoas interesadas poden sumarse á iniciativa a través desta páxina, no apartado ‘Cidade de Ferrol’.
Nesta plataforma hai tamén información de utilidade sobre a candidatura e os bens que a integran, que forma parte da Lista Indicativa da UNESCO a Patrimonio Mundial desde o 27 de abril de 2007. Neste senso, hai uns días a cidade recibiu ao experto internacional en patrimonio mundial Alfredo Conti, encargado de avaliar a proposta ferrolá.