Tras tres anos sen reunirse, como viña sendo habitual, por culpa da pandemia, o encontro anual dos profesionais da hostalería da provincia de Lugo, promovido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (, volveu celebrarse esta noite no hotel Spa Attica 21 de Vilalba.
Durante a gala, o presidente da Apehl, Cheché Real, foi sorprendido cun recoñecemento público, iniciativa da directiva da Asociación e de todo o persoal técnico, pola súa dedicación e o seu traballo ao longo de todos estes anos á fronte da presidencia e, especialmente, pola súa implicación e o seu esforzo durante toda a pandemia.
O evento reuniu a preto de 200 persoas, entre hostaleiros, autoridades, representantes das diferentes denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e produtores de razas autóctonas de Galicia, así como a provedores e profesionais do sector, e contou coas intervencións do deputado de Participación Cidadá, Roberto García; da subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez; do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, e da alcaldesa do Concello de Vilalba, María Elba Veleiro. Tamén estiveron presentes Paloma Vázquez, xefa da área Provincial de Turismo en Lugo; Juan Serrano e Javier Vázquez, director e responsable de comunicación da Casa de Galicia de Madrid, e Cesáreo González, presidente do Clúster Turismo de Galicia.
Durante a gala, que comezou ás
21:00 horas, fíxose entrega dos premios Toda unha vida nos fogóns, homenaxeando
así a traxectoria de María Luisa Rey e Jesús Pena, de A Nosa Casa, de Lugo; a
Celia Neira e Manuel López, de A Nosa Terra, de Lugo; a María Teresa Vázquez, do
Mesón do Campo, de Vilalba, e a Maruja Ares, do Restaurante Galicia, de
Baamonde.
Seguidamente, interveu o
presidente da Apehl, Cheché Real, que lembrou todo o traballo realizado durante
os meses de pandemia e resaltou o papel da Asociación como vía de comunicación
entre as administracións e os seus asociados: “A unidade de todos cobra
especial sentido en tempos difíciles como os que atravesamos e quedou máis que
demostrado que, xuntando esforzos, conseguimos mellores resultados, principal
obxectivo do asociacionismo”.
Neste sentido, subliñou que “o
movemento asociativo non só debe quedar na provincia senón que debe estenderse
ao ámbito autonómico, estatal e mesmo europeo, xa que a nosa pertenza a Hostelería
de Galicia, ao Clúster Turismo de Galicia, á Confederación Española de Hoteis e
Aloxamentos Turísticos (CEHAT), á Confederación Empresarial de Hostalería de
España (CEHE) ou á europea Hotrec fixo que sexamos cada día mellores e máis
eficientes”.
Tamén destacou que a
profesionalización e a dixitalización continúan marcando o futuro do sector. “Debemos
seguir incidindo na formación dos hostaleiros e na procura de turistas de
calidade, da man das nosas administracións, porque a dixitalización pisa cada
vez máis forte e non hai que quedar atrás”, alertou.
Finalmente, dedicou unhas
palabras de agradecemento a todas as institucións e organismos que colaboran
incondicionalmente coa Apehl e a todo o público pola súa asistencia.