800 tapas homenaxean a Europa no Mercado de Abastos de Cambados

 

O programa da Deputación “Degusta Europa” aterrouonte na Praza de Abastos de Cambados, onde a veciñanza da vila e as persoas traballadoras do mercado municipal desfrutaron de máis de 800 tapas elaboradas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza con produtos da provincia. Zamburiña gratinada, mexillóns á crema, larpeira de sobremesa, e ponche de Sansón e queimada 4.0, para beber, foron as tapas que compuxeron o menú que o alumnado do centro de formación profesional pontevedrés deseñou para a ocasión.

Degusta Europa” trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación para conmemorar o Día de Europa, que se celebra cada 9 de maio para conmemorar a firma da “Declaración de Schuman”. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor os produtos de quilómetro cero da provincia e dinamizar os mercados e prazas municipais para darlles un toque de innovación e vangarda gastronómica da man do alumnado e o profesorado dos centros Carlos Oroza de Pontevedra e Manuel Antonio de Vigo.

O CIFP Manuel Antonio de Vigo preparará as degustacións dos outros tres mercados municipais que participan nesta edición de “Degusta Europa”: Tui (26 de abril), Baiona (3 de maio) e Vigo (4 de maio).