HG&T analiza a fondo a política turística galega: xunta a Nava Castro (PP) e Xosé Regueira (BNG) na despedida da directora xeral de Turismo



Xa está aquí un novo número de HGT, nin máis nin menos que o 241! A partir de hoxe imos facer unha escolma con información sobre os artigos, reportaxes e entrevistas que publicamos na nosa revista bimensual, na que adicamos 36 follas aos sectores da hostalería, gastronomía e turismo.

Para empezar o repaso de temas, abordamos os contidos da mesa de redacción, con sendas entrevistas á directora xeral da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, e ao vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.



A situación do sector turístico cando chegaron aos seus cargos e o seu estado actual conforman as bases destas conversas, que tiveron lugar na redacción de HGT, en Pontevedra.

“Son, con pouca marxe para algún outro pé da trepia, os políticos con altas responsabilidades no mundo turístico galego, cunha traxectoria máis decidida, responsable, entregada e nidia das últimas lexislaturas, no ámeto autonómico e provincial”. Esa é a presentación dos dous entrevistados, que fixeron balance de varias cuestións ligadas o seu labor político e nos falaron, en varias ocasións, do Camiño de Santiago.

Sendo as rutas xacobeas as de maior peso nas súas reflexións e nos seus relatos, Nava Castro puxo sobre a mesa o impacto do crecemento do Xacobeo (“cando a pegada do Xacobeo 93 só se falaba de tempada estival; agora vai de Semana Santa a outubro”, manifestou). A directora xeral da Axencia Galega de Turismo destacou os investimentos realizados pola Xunta para incrementar o número de peregrinos que visitan Galicia e mellorar o estado das rutas, xa non só nos anos santos, tamén noutras datas.

O deputado coruñés Xosé Regueira, que foi quen de aplaudir a actuación da Xunta en distintas materias turísticas, considera que o poder do Camiño de Santiago é un arma de dobre fío: “É unha locomotora tan potente que pode descarrilar”, subliñou. Lembrou as eivas en canto a conectividade e deixou a súa ollada persoal sobre aspectos culturais: “gustaríanme que fosen o identificador do turismo galego”. 

As ideas da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, pese a estar estas institucións gobernadas por partidos de distintas cores, converxen en moitos puntos. Sobre os plans de sostibilidade que Castro asegura que serán definitivos para impulsar os encantos de Galicia no eido turístico, Regueira apunta que a Deputación está “cómoda” coa estratexia turística do Goberno galego, posto que coincide coa planificada pola institución provincial antes da pandemia.