Un xurado de expertos sitúa os vermús galegos na cumbre dos licores españois na cata de HG&T

 


O último número de HG&T aborda o mundo do vermú, cunha cata transfronteiriza (a 51 que organiza a revista) que situou dezaoito licores galegos no podio dos 25 mellores de España. Foron medio cento de etiquetas españolas as cualificadas polos expertos, entre os cales participaron sumilleres, hostaleiros, enólogos e outros especialistas na materia.

O medalleiro da cata premiou ós roxos clásicos galegos, os brancos clásicos galegos, os brancos con base de albariño, os roxos con base de albariño, os roxos barrica, premium e vintage, os ecolóxicos e asimilables, os roxos peninsulares clásicos, os brancos peninsulares clásicos, os premium e asimilados, os reserva e os gran reserva.

Nos roxos clásicos galegos, o podio foi para La Fabulosa, con 376 puntos; Arnao (367); e Lodeiros e máis Sardino (363). No caso dos Brancos clásicos galegos, o ouro, a prata e o bronce foron para La Fabulosa e Nordesía (381 puntos), Sardino (367) e Lodeiros e Entroido (362).

A cata desenvolveuse en El Cafetín de Pontevedra, o recoñecido restaurante dirixido por Rubén Vallejo, consolidado no eido das tapas creativas e que ten no seu haber varios premios polo seu traballo. Neste espazo estiveron representadas a Asociación Galega de Sumilleres (AGASU), a Asociación Galega de Enólogos (AGE), mestres destiladores e hostaleiros, que ensalzaron o alto nivel das mostras presentadas ao concurso.