Un gran mural artístico que se pintará na Rolda da Muralla de Lugo poñerá en valor a cultura castrexa lucense

 

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou a imaxe do gran mural que se pintará nunha medianeira do edificio número 158 da Rolda da Muralla para poñer en valor a cultura castrexa lucense. Un compromiso adquirido pola rexedora para que, coincidindo co recoñecemento do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional, esta teña unha presenza prominente como a que ten xa o mural de Julio César, de Diego As, vinculado ao legado romano.

Será unha guerreira castrexa a que se representará, ataviada cos elementos característicos como son as arracadas (pendentes femininos), unha fíbula como pasador da roupa, un colar castrexo e un puñal de antena. Obra do gran muralista lucense, Manuel Pallín (Concepto Circo), a rexedora avanzou que “estivo asesorado para este magnífico traballo, de enorme calidade, pola directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, e polo arqueólogo Enrique Alcorta, aos que agradecemos a súa colaboración”.