A Deputación de Ourense vén de colaborar na ampliación do balneario de Lobios, no que a Fundación San Rosendo, como xestora das instalacións e co apoio do Concello, prevé a construción dun complexo de piscinas exteriores que aumentará a oferta da área termal de Río Caldo.
Os detalles desta iniciativa presentáronse no consistorio de Lobios no transcurso dunha reunión na que participaron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; a alcaldesa, María del Carmen Yáñez, acompañada por membros do grupo de goberno; o presidente da Fundación San Rosendo, José Luis Gavela; o director xeral de Caldaria, Javier Soto; e os deseñadores do complexo termal, os arquitectos César Portela e Magdalena Portela.
Manuel Baltar explica que a colaboración da Deputación, financiando o anteproxecto, "enmárcase no decidido impulso que lle damos ao territorio sempre que falamos de termalismo". Máis aínda nesta ocasión, destaca o presidente do goberno provincial, "posto que neste lugar temos as augas mineromedicinais máis quentes de toda Europa, con 77 grados".
O balneario de Lobios "é un emblema do noso termalismo, ao carón do parque natural do Xurés e do parque nacional de Peneda-Gerês en Portugal, unha fronteira que tamén é un dos atractivos importantes do territorio", apunta Manuel Baltar, que sinala "o plus que lle dá a este anteproxecto contar con arquitectos de prestixio como César e Magdalena Portela".