Arte, cultura, música, danza, espectáculo, luz e cor, pero tamén tradición, festas, artesanía, rituais ou lendas; todo iso e moito máis, incluíndo algunhas sorpresas, estará presente na gran Gala do Turismo da provincia que celebrará a Deputación de Pontevedra este venres 10 de marzo ás 19:00 horas no Auditorio Mar de Vigo. Será “a máis espectacular que fixemos, e iso que todas as anteriores deron moito que falar”, sinalou a presidenta Carmela Silva, que deu a coñecer os detalles deste evento, “co que recoñecemos e homenaxeamos o gran sector turístico que temos na provincia” e que nos converte na referencia do noroeste peninsular. No transcurso da gala nomearanse as novas embaixadoras da provincia: as artesás Elena Ferro, Paula Ojea, Ana Tenorio, Marta Armada e Virginia Rodríguez (Joyas de la Raspa), e entregaranse os diplomas acreditativos ás 165 empresas da provincia que acadaron ou renovaron o distintivo de calidade SICTED en 2023.