Sanxenxo comeza os preparativos das praias para a campaña estival


Sanxenxo comeza a prepararse para a campaña estival coa licitación dos servizos de praias. O consello de administración de Turismo de Sanxenxo celebrado onte deu luz verde ao concurso da limpeza de aseos e de mantemento de praias por 71.414 e 62.657 euros, respectivamente. Así mesmo, aprobou as prórrogas dos contratos para a consecución da Q de Calidade, Bandeiras Azuis, quioscos, surf, pádel e parque acuático de Baltar.

Os aseos das praias de Sanxenxo volveranse a limpar un verán máis cada hora e media para garantir a máxima hixiene nestes espazos. Unha esixencia que se iniciou o primeiro verán de pandemia e que o goberno considerou que debe quedar para seguir situando ao municipio como un destino seguro e ofrecer un plus de calidade no servizo de praias. Os módulos de aseos volverán contar tamén con xel hidroalcohólico e unha cobertura a "todo risco" que cubrirá calquera dano ou avaría. A limpeza manterase desde o 15 de xuño ata o 31 de setembro nos quince módulos existentes cun horario de apertura de 11 a 21 horas.