Despois de case dous meses repartindo os colectores das diferentes franxas aos locais de hostalaría, iníciase a recollida ‘porta a porta’, pola que todos os establecementos da cidade histórica contarán cun horario para deixar os contedores á porta dos negocios, que lle serán recollidos alí mesmo.
O mes de marzo comeza coa posta en marcha do novidoso sistema de recollida ‘porta a porta’ para mellorar o tratamento de residuos na améndoa, e tamén o servizo aos establecementos, semanas despois de comezar a funcionar o sistema de illas de ‘quita e pon’.
"É un horario que foi negociado e dialogado coas asociacións de hostalaría e, sobre todo, que se trata dunha proposta inicial" explica a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, que insiste en que este horario de partida "non ten por que ser o definitivo": "arrancamos agora e, despois dos primeiros días de funcionamento, volveremos reunirnos e axustaremos o servizo de acordo ás primeiras experiencias, trátase, como teño dito, de ensaio e error".