A Deputación da Coruña aspira a consolidar a provincia como un destino galego de referencia en materia de termalismo. Paro iso impulsa 'A Coruña termal', un Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) que unirá as tres vilas termais da provincia, Carballo, Brión e Arteixo, nun proxecto que se presenta aos fondos europeos Next Generation cunha solicitude de capital que supera os dous millóns de euros.
Así o explicou o vicepresidente provincial e responsable de Turismo, Xosé Regueira, na xuntanza que mantivo no balneario da capital bergantiñá con representantes do sector. «O que pretendemos», sinalou, «é facer da auga un elemento que sirva como relato turístico para o territorio».
«Trátase», engadiu, «de recuperar e crear infraestruturas sostibles e de deseñar novos produtos turísticos de base termal». Na actualidade, Carballo é o único concello coruñés que ten balneario mineiro medicinal en funcionamento, mentres que Brión conta cunha estación balnearia e en Arteixo estase a desenvolver un ambicioso proxecto tamén termal nas antigas termas.