Premio para Dula Piñeiro, mariscadora pontevedresa comprometida coas súas compañeiras e coa sostibilidade do mar

 

A sede de Vigo da Deputación de Pontevedra foi un ano máis o escenario do recoñecemento que fai a provincia de Pontevedra ás mulleres do mar, comprometidas coa súa profesión, coa calidade das materiais primas e tamén coa sostibilidade do planeta. Os III Premios Mulleres Salgadas, outorgados pola Asociación Mulleres Salgadas –única en Galicia formada por profesionais femininas que traballan no mar–, recoñeceron a Dula Piñeiro, veciña de Vilanova que leva 34 anos dedicándose ao marisqueo a pé tralo seu paso por unha fábrica de conservas. Ao acto de entrega asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva –que entregou á homenaxeada o seu premio, a figura ‘Mar Peixeira’ de Sargadelos–, así como representantes de colectivos pesqueiros, persoal investigador e parlamentarias galegas.