Posta en valor da torre da Lanzada (Sanxenxo) e a súa contorna

 

O Concello de Sanxenxo conta xa cun proxecto sobre a Torre da Lanzada e a súa contorna para a súa protección, conservación, mantemento, rehabilitación, investigación e posta en valor. A fortificación é o último vestixio que se conserva hoxe en día do antigo castelo e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1985. A actuación prevista ascende a 488.126 euros e optará á liña de axudas do "Programa de mellora da competitividade e de dinamización do Patrimonio Histórico con uso turístico" no marco dos fondos europeos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

A localización da torre, case en contacto directo co mar e exposta ás máis duras inclemencias do tempo, explican, que o seu estado de conservación non sexa óptimo. Pero a pesar da súa aparente fraxilidade, a pequena porción das ruínas atópase en liñas xerais en bo estado de conservación, segundo conclúe o estudo, despois de que en 2006 se consolidasen os alzados principais e a roca que os sustenta, para así impedir o seu colapso.