Ourense prepara unha candidatura para potenciar as vilas termais e os cascos históricos da provincia con fondos europeos


A Deputación de Ourense prepara unha candidatura para presentar á convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) -financiada con fondos Next Generation-, cun proxecto específico destinado ás vilas termais e concellos con cascos antigos declarados Conxunto Histórico-Artístico, alineado co plan territorial da comunidade autónoma galega.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acompañado pola xerente do Inorde, Emma González, presidiu onte pola mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel unha reunión con representantes dos municipios implicados neste novo proxecto. Como vilas termais forman parte da área de intervención do proxecto Arnoia, Boborás, Cenlle, Cortegada, Leiro, O Carballiño, Ribadavia, Bande, Lobios, Muíños, Baños de Molgas, Monterrei, Verín, Punxín e Castrelo de Miño. E, como concello con cascos históricos, Castro Caldelas e Allariz, ademais dos xa mencionados Ribadavia e Boborás -Pazos de Arenteiro-.

Manuel Baltar afirma que o proxecto liderado pola Deputación, a través do Inorde, "é unha nova oportunidade para poñer en valor a provincia e aproveitar os recursos europeos que, sen dúbida, virán ao noso territorio grazas a ese factor diferencial e competitivo que é o termalismo". O presidente do goberno provincial expresa a súa total confianza en lograr estes fondos "tanto polo consenso como pola unión de esforzos, o éxito e a experiencia do noso territorio, que conta con dous plans de sustentabilidade turística, un deles xestionado pola Deputación e cofinanciado pola Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo".