O prazo de reserva de rutas en catamarán pola Ribeira Sacra abre hoxe

 

A Deputación de Lugo abre mañá o prazo para reservar praza nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra. A compra de billetes para a nova tempada, que arrancará o vindeiro 1 de abril, nas vésperas da Semana Santa, poderá facerse a través da páxina web reservas.rutasembalses.es na que o visitante poderá coñecer todos os detalles das diferentes viaxes. Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes do sur da provincia a bordo dos catamaráns da institución provincial poden formalizar a súa reserva tamén de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:30 horas, no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196. 

O portal habilitado pola Deputación de Lugo ofrece a posibilidade de modificar reservas, coñecer a normativa e estar ao tanto de calquera aviso, actualización ou información precisa para realizar a viaxe. Os usuarios e usuarias poden consultar as tarifas e os prezos reducidos para xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas, así como que os nenos e nenas de ata 3 anos viaxan de balde. Tamén está habilitado un espazo profesional para facilitarlle a xestión ás axencias de viaxes, permitindo que tramiten as súas reservas.