O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu na Casa de Galicia de Madrid na tarde de onte un acto no que se promocionaron a través da proxección de cinco vídeos varios eventos turísticos que se celebran cada ano na cidade. Entre eles visualizarase un dedicado á Festa das Pepitas, que terá lugar a próxima fin de semana e da que o Concello está a avanzar na tramitación do expediente para que sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional, unha distinción que outorga o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Neste senso, o Concello está na actualidade a reunir información para a elaboración da memoria que soporte esta iniciativa.
Ademais, está a proxectarse o deseño dunha páxina web que aglutine toda a información relativa a esta proposta. Ademais do vídeo promocional sobre a Festa das Pepitas, que contará coa intervención de Pedro Blanco en representación das rondallas de Ferrol, tamén se proxectará outro sobre Ferrol como destino turístico, que presentará a concelleira responsable de Turismo, Eva Martínez Montero. O terceiro estará dedicado ao Festival Meninas de Canido, do que falará Eduardo Hermida, o promotor da cita que cada mes de setembro se celebra na cidade.