O aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro vive o seu mellor febreiro con preto de 200.000 pasaxeiros

 

O Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro sumou en febreiro 194.488 pasaxeiros, cun crecemento do 42,5% respecto de febreiro do ano pasado e do 17,8% respecto de febreiro do 2019. Trátase do mes de febreiro co maior número de pasaxeiros no aeroporto de Santiago, seguindo co ritmo de crecemento que tamén se produciu en xaneiro, logo de que o ano 2022 marcase un récord histórico, superando por primeira vez os tres millóns de pasaxeiros.


En total, nos dous primeiros meses do ano, o Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro superou xa os 400.000 pasaxeiros. En concreto, chegou aos 409.104, cun crecemento acumulado do 53,1% con respecto ao mesmo periodo do 2022, e do 18,9% con respecto ao 2019. Trátase así do mellor comezo de ano do aeroporto de Santiago en número de pasaxeiros.