Nace "Sendas de Santiago" para consolidar a cidade como destino familiar e de natureza

 

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron no Pazo de Raxoi o proxecto "Sendas de Santiago" un catálogo composto inicialmente por oito sendas naturais que amosan a excelente relación existente entre o núcleo urbano de Compostela e a súa contorna.


Segundo apuntou Sindo Guinarte, o proxecto ten un dobre obxectivo: por unha banda dirixirse a dous segmentos turísticos importante para o modelo turístico da cidade, o turismo de natureza e o turismo familiar; e por outro, ser unha ferramenta para ofrecer alternativas que permitan descentralizar os fluxos turísticos que se concentran na Catedral e no Casco Histórico.


Os espazos verdes da cidade inclúen parques, xardíns, hortas e ríos e paisaxes, que se complementan coas zonas non urbanizadas das parroquias, que seguen conservando a súa estrutura rural. Xuntando os metros cadrados de zonas verdes que xestiona directamente o Concello de Santiago ás zonas administradas pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela corresponden máis de 80 metros cadrados por habitante, moi por riba da media recomendada pola Organización Mundial da Saúde, que é de 10-15 metros por habitante.