"A provincia que sabe", a campaña da área de Turismo da Deputación para promocionar a gastronomía como recurso turístico, estará presente en oficinas de Correos de Barcelona ata finais de maio. Trátase dunha acción promocional que xa está incorporada nas pantallas das 22 oficinas de Correos barcelonesas e que ten por obxectivo "chegar a un tipo de público que saiba apreciar toda a cadea de valor da nosa gastronomía, desde un produto de primeira calidade, ata a súa venda a través de tendas especializadas e delicatessen ou a través de establecementos hostaleiros que apostan pola sustentabilidade e pola economía circular", segundo indica o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira. Durante os máis de dous meses en que esta acción de promoción permanecerá activa, tamén se están a difundir dous vídeos máis sobre a variedade de recursos turísticos do conxunto do territorio da provincia da Coruña.