Inés Rey presenta o Observatorio Turístico como unha ferramenta clave para “facer da Coruña unha das grandes potencias do sector”
A alcaldesa, Inés Rey, presentou onte o Observatorio Turístico da Coruña, unha ferramenta que permitirá analizar os datos relacionados con fluxos turísticos na cidade. Esta iniciativa, pioneira en Galicia estase a levar a cabo na actualidade polo Concello, a través do Consorcio de Turismo e Congresos e coa colaboración da UDC e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC).
Un equipo de investigación formado polos profesores Iria Caamaño, Eduardo Guillén Solórzano e Manuel Martínez está a estudar diferentes indicadores para o seguimento da información turística da cidade. Na presentación tamén interveu o secretario xeral da UDC, Carlos Aymerich. A creación dun Observatorio Turístico proporciona aos axentes turísticos da cidade a posibilidade de ter acceso aos principais datos sobre a dinámica e o impacto turístico na cidade nunha única plataforma e en tempo real. Estes datos poderanse compartir cos axentes do sector para a toma de decisións en cada momento do ano, precisando con máis eficacia as accións que cada un poida desenvolver.