Ferrol descubre o Medievo e a Idade Moderna

 

Os restos arqueolóxicos descubertos durante a fin de semana na rúa San Francisco poderían ser compatibles coa antiga muralla medieval que rodeaba a cidade. Tras unha primeira inspección por parte de varios especialistas, hai indicios de que as construcións visíbeis polo momento probablemente pertenzan a dúas épocas distintas. É posíbel que a máis antiga sexa da etapa medieval, e a outra, da Idade Moderna, de entre dos séculos XV e XVII, previa á construción do Arsenal. 


 As diferencias en técnicas construtivas (perpiaño nunha e cachotería noutra) e os distintos materiais, así como a cota á que se sitúan os diferentes elementos atopados, que segundo os técnicos, parecen pertencer a “construcións de gran envergadura”, son datos que indican a posibilidade de estar ante edificacións de distintas épocas históricas. De acordo co que se reflicte nas fontes documentais existentes, na área escavada situaríase un antigo peirao e unha porta da muralla, aínda que polo momento tan só son posibilidades e será preciso analizar e estudar os restos con maior detemento por parte de expertos. Os especialistas sinalan que é fundamental escavar estes restos para coñecer as orixes de Ferrol, así como, de confirmarse o valor histórico dos mesmos, a de San Francisco sería a primeira escavación arqueolóxica “en área” que se realiza na urbe naval.