Ferrol contará co experto internacional Alfredo Conti para avaliar o expediente a Patrimonio Mundial


O Concello de Ferrol vai contar co recoñecido experto internacional en patrimonio mundial Alfredo Conti para avaliar o expediente ‘Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración’ para a candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco. Así o anunciou a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, tras manter esta semana unha nova reunión técnica co xefe de servizo da dirección xeral de Patrimonio, representantes da Armada e técnicos municipais. O consultor internacional e ex presidente do comité de ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) de Arxentina é experto para a avaliación e seguimento de sitios patrimonio mundial e colaborador de organismos como a Unesco, o Centro de Patrimonio Mundial, Getty Conservation Institute, a Organización de Cidades Patrimonio Mundial e o World Monuments Fund.