Chute de autoestima para unha provincia e o sector na Gala do Turismo de Pontevedra

 

Música, circo, acrobacias, audiovisuais, luz, cores, decoración, tradición e tecnoloxía. Todo elo marcou recentemente o incrible espectáculo da Gala Provincial do Turismo que organiza a Deputación, cuxa presidenta Carmela Silva recoñeceu que “este ano démolo todo”. Case 500 persoas abarrotaron o Auditorio Mar de Vigo para celebrar a excelencia do noso destino e recoñecer e homenaxear o sector turístico nun evento que comezou coa impresionante actuación de Sheila Patricia, coa peza “A Moura”, para dar paso á Gala máis espectacular que ten organizado a Deputación ata a data. Todas as persoas asistentes puideron mergullarse, nada máis poñer o pé no auditorio, nun universo creado pola Deputación para a ocasión, cunha ambientación na zona de recepción baseada en elementos e detalles da nosa tradición. Cestería, plantas, flores, estrelas de mar, cunchas e elementos da cultura mariñeira como remos ou nasas, ademais da compañía da Asociación do Entroido de Cobres, que deu un punto extra de cor á velada e foi o gran reclamo do photocall.