Aterra en Alvedro o primeiro voo procedente de Xenebra, que inaugura a nova conexión internacional do aeroporto coruñés con Suíza

 

O domingo, ás 14.15 horas, aterrou en Alvedro o voo inaugural que abre camiño á nova conexión internacional entre Xenebra e A Coruña, operada por EasyJet. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo responsable de Relacións Públicas e Asuntos Públicos de easyJet no sur de Europa, Matteo Finotto, e o director xeral de easyJet Sur Europa, Javier Gándara, viaxou a bordo do avión EZS1401 que saíu da cidade helvética ás 12.00 horas de hoxe.

Coa posta en marcha desta ruta, A Coruña e Xenebra estarán conectadas todo o ano, con dúas frecuencias semanais (xoves e domingos), unha iniciativa que foi posta en valor por Inés Rey atendendo "ao vencello histórico existente entre Galicia e Suíza, onde residen máis de 41.000 galegas e galegos". Moitos deles, pertencentes a segundas e terceiras xeracións de familias galegas que emigraron décadas atrás ao país helvético.