A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou onte polo tarde que o Arde Lucus vén de obter a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, logo de que a finais do ano pasado o Concello iniciara a tramitación para acadar este distintivo.
A rexedora, acompañada polo concelleiro Mauricio Repetto, e por integrantes dos colectivos de recreación histórica da cidade - tanto castrexos como romanos – compareceu para dar conta do recoñecemento que, en primeira instancia, atribuíu “ao labor e implicación do tecido asociativo que converteu esta celebración local nunha cita única en España”.
“É aos e ás lucenses que cada edición e durante todo o ano traballan de forma infatigable para recrear con fidelidade as nosas orixes, aos que compre atribuír a obtención desta distinción”, afirmou Méndez entre grandes mostras de emoción por parte de todas as persoas asistentes.