Aprobadas as declaracións de Festas de Interese Turístico de Galicia o Entroido de Foz e o Enterro da Sardiña de Marín


O Consello da Xunta aprobou onte o proxecto de acordo polo que se declaran festas de interese turístico de Galicia a Festa do Entroido (Foz) e o Enterro da Sardiña (Marín). De acordo co procedemento para a declaración de festas de interese turístico de Galicia, unha vez examinadas as solicitudes presentadas polo Concello de Foz para a Festa do Entroido e pola Asociación Ateneo Santa Cecilia para a Festa do Enterro da Sardiña de Marín, e tras os trámites preceptivos, o Consello de Turismo emitiu un informe favorable sobre as referidas declaracións, por cumpriren os requisitos exixidos. Para a declaración como festa de interese turístico de Galicia valóranse aspectos como a creatividade e a innovación na celebración dos eventos; o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos para a celebración das festas e a recepción de visitantes; a afluencia de visitantes; a coordinación das entidades públicas e privadas involucradas nas celebracións, ou o adecuado coidado dos contornos urbanos, monumentais ou paisaxísticos onde se desenvolven.